Friday 17 de May de 2024

As plantas de temporada retiradas dos xardíns municipais serán repartidas entre a cidadanía este xoves no mercado


• Máis de douscentos exemplares de alegrías guineanas e begonias terán unha nova vida nos fogares carballeses

• As cabazas volven ás zonas verdes para celebrar o Samaín e implicar á infancia no coidado dos espazos públicos

• Alumnos do ciclo de Paisaxismo e medio rural que se imparte en Fonteboa realizaron unha visita técnica ás obras de axardinamento do Chorís

Nos xardíns de Carballo chegou o momento de cambiar a planta de temporada, unha acción que se realiza dúas veces ao ano e que implica a substitución das flores que se plantaron na primavera por outras que sexan quen de resistir as condicións meteorolóxicas do outono e o inverno.

Aínda que a maioría das plantas xa están en mal estado, algunhas son máis resistentes e aínda están en boas condicións. Por iso, en vez de envialas para compostaxe, por segundo ano consecutivo poñerémolas a disposición da veciñanza para que teñan unha nova vida nos fogares carballeses.

O ano pasado repartíronse entre as familias que participan nos programas de compostaxe doméstica, pero nesta ocasión entregaranse aos veciños e veciñas do noso concello que se acheguen este xoves 26 de outubro, a partir das 11.00 horas e ata fin de existencias, ao posto que teremos instalado na rúa Coruña. En total distribuiranse máis de 200 exemplares entre alegrías guineanas e begonias.

Presume de xardíns
Unha parte do espazo que deixan libre as plantas retiradas será ocupado con cabazas, porque volve a campaña Presume de xardíns para implicar aos nenos e ás nenas no coidado dos espazos públicos. Desde o venres xa podedes ver decorados con cabazas varias zonas verdes, pero este ano volveremos a habilitar distintos puntos nos que a rapazada poderá colocar as súas cabazas decoradas. Ide preparándoas, porque ao longo desta semana atoparedes os indicadores no Parque do Anllóns, a Praza da Milagrosa e a rúa Eduardo Pondal.

Este ano queda fóra o Parque do Chorís debido a que está en obras, precisamente para mellorar o axardinamento de todo ese espazo. Hoxe realizaron unha visita técnica os alumnos do ciclo de Paisaxismo e medio rural que se imparte no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa (Coristanco) e que puideron ver un exemplo práctico de deseño e realización de xardíns e recibido todo tipo de explicacións da coordinadora da brigada municipal de xardíns, Cristina Vázquez.